Monday 20 de May de 2024

A Xunta recoñece o labor das ONGD a prol da educación e a axuda humanitaria tanto en Galicia como no exterior


Alfonso Rueda visitou a sede da Fundación Entreculturas para coñecer de primeira man os traballos que realizan desde Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a delegación en Santiago da ONGD Fundación Entreculturas, onde destacou a importante labor social da Fundación a prol da Educación e a Axuda Humanitaria tanto en Galicia coma no exterior.

Na nosa comunidade, Entreculturas conta con delegacións en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Trátase dunha organización moi activa no ámbito da educación para o desenvolvemento, que realiza no eido educativo formal. Cumpre ademais unha importante tarefa a nivel internacional e no ámbito humanitario.

Rueda explicou que as organizacións para a cooperación están a notar o impacto da crise económica, un feito que obriga ás administracións a buscar a maior eficacia e a eficiencia antes os recursos cada vez máis escasos, buscando os mellores resultados e priorizando a axuda a aquelas entidades que mellor traballan.

Durante a visita o vicepresidente tamén abordou cos representantes da ONGD a futura Estratexia de Educación e Comunicación para o Desenvolvemento, que se está a elaborar, un compromiso incluído no III Plan Director de Cooperación Galega.

Fundación Entreculturas
No eido da axuda humanitaria e emerxencias, as delegacións galegas colaboran na sensibilización e recadación de fondos para a atención de situacións de emerxencia, en países coma Haití, Filipinas, e recentemente Sudán do Sur. Esta entidade non gobernamental leva a cabo proxectos de cooperación no exterior coa colaboración da Xunta, como o denominado Fortalecendo a Educación Técnica Agropecuaria no Instituto Básico Rural Agropecuario, IBRA, en Somotillo, Nicaragua; ou outro para o Fortalecemento e Desenvolvemento de Capacidades para a Xeración de Valor Engadido en varios distritos de Cusco, Perú.

En Educación para o desenvolvemento e sensibilización, a Fundación ofrece servizos e recursos educativos ao sistema educativo galego. Ao tempo, deseñan e realizan actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento de carácter estable e normalizado. Ademais, impártense obradoiros de sensibilización e formación sobre educación, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, menores soldado, e outros. No eido da educación para o desenvolvemento a Fundación Entreculturas leva a cabo un gran labor con proxectos con participación na Campaña Mundial pola Educación 2016 en Galicia; ou a Rede Solidaria da Mocidade. No eido da acción humanitaria, destaca o Programa de rehabilitación psicosocial para poboación refuxiada en Maban, Sudán do Sur, ou o Programa de Atención de emerxencia e rehabilitación psicosocial para as vítimas da guerra en Maban, Sudán do Sur.

Ademais, a Fundación Entreculturas atópase integrada na Campaña Mundial pola Educación en Galicia, a Campaña Pobreza Cero e na Coalición española contra a utilización de menores soldados realizando actividades de incidencia e difusión pública.